martes, 27 de marzo de 2018

Historia do proxecto

Este proxecto, denominado ORTImaster e definido coma a construción dun veleiro bipraza de madeira contrachapada de 3,10 metros de eslora, nace das inquietudes do Departamento de Madeira e Moble do IES de Ortigueira en relación a dous campos.

O primeiro deles é o traballo da madeira e os seus derivados, algo ó que nos dedicamos tódolos días cos nosos alumnos tratándolles de “inculcar o noso oficio”.

O segundo dos campos é o mar, o compoñente principal da contorna que rodea o noso centro de traballo, o IES de Ortigueira.

Unindo ambos eidos e motivados por outros factores coma pode ser a actual problemática laboral, na que traballar na carpintaría tradicional cada vez é máis complicado, pensamos nun proxecto innovador co que motivar ós nosos alumnos e amosarlles como realizar un proxecto complexo e diferente, dende a primeira tormenta de ideas ata a proba final de funcionamento.

Coma a nosa función coma profesores de carpintaría non abrangue nin o deseño nin o cálculo naval, buscando na internet atopamos un proxecto moi interesante denominado “Projeto Gratuito Optimaster 310 Construçao naval armadora”, unha idea brasileira, aberta (sen copyright) que empregaremos coma punto de partida pola súa claridade e contrastada fiabilidade en varias iniciativas que se desenvolveron en países de todo o mundo.

Tedes aquí un vídeo:



Colaboraron de xeito desinterasado con nós neste neste proxecto:

  • FINSA: Empresa pioneira na fabricación de taboleiros de aglomerado e MDF na Península Ibérica, fundada en 1931 como un pequeno serradoiro que mantivo un crecemento sostido ata o día de hoxe.
  • Maderas Besteiro: é unha empresa líder en Galicia na distribución de madeira fundada en Lugo en 1930, na que a innovación, sostibilidade e mellora continua son os retos que a empurran a seguir avanzando para continuar sendo unha referencia no sector.
  • Gairesa: é unha empresa española líder na formulación e fabricación de resinas epoxi, poliuretanos, imprimacións, adhesivos de metacrilato e pinturas acrílicas, creada en 1980 co obxectivo da constante evolución e innovación no desenvolvemento dun amplo abano de formulacións de sistemas plásticos líquidos.
  • Allforsail: é unha empresa adicada á subministración naval fundada no ano 2004, converténdose nun aliado confiable para as Navieiras que traen os seus barcos a reparar ós estaleiros de Fene e Ferrol, así coma calquera barca que visita os seus portos de influencia.
  • Departamento de Artes Gráficas do IES Montecelo de Pontevedra.